luns, 18 de agosto de 2014

TRUCOS PARA NON REBENTAR

É verdade, hai días que estamos de non. Hai momentos nos que estamos afundidos, nos que non quedan máis ganas que as de durmir, ou polo menos cerrar os ollos e desaparecer. 


Ben, é verdade e non hai que facerlle…ou si. O mellor e maís importante sería o tempo coa familia, o saír cos amigos. Pero, sendo un pouco realistas, a maioría das veces iso non é posible. Xusto os domingos, que é cando podemos solazarnos con esas persoas, non acostumamos a estar de baixón (na maioría dos casos incluso chegamos a sufrir auténticos episodios hipomaniacos).
Por iso todos temos os nosos trucos que non sempre funcionan, pero deixádeme ser feliz por veces e pensar que me axudan en algo. E os meus trucos son:


AS DROGAS.  Coidado as persoas que teñan tendencia ás adicións. Isto é perigoso, pero bueno, se é o único que hai, qué se lle vai facer.

1.- Os días máis “chof” hai que comezar con un café ou dous cafés. Para min esa é a dosis máxima que me axuda. Cada un terá a súa, así que a probar. O caso é que chega un punto no que só hai efectos adversos, así que con coidadiño, porque sigues coa mesma empanada mental e na misma mierda. Se comezas a notar arritmias, posiblemente te pasaches, campeón. Con sentidiño.
2.- Cando o café non é suficiente, ou de maneira coadyuvante, para min é IMPRESCINDIBLE eso que hoxe en día se chama internet, e sobre todo redes sociais como twitter, ou este blog. Sempre vén ben o de botar as cousas fóra. Aínda que sexa a costa de perder un pouco de tempo.

A MÚSICA. Non sabía se metelo no apartado das droghas duras ou non, pero creo que ben merece un apartado enteiro. Para estudiar son dos que ando todo o día cos cascos, ben, pero cando realmente escoitas ESA canción e SUBIDÓÓÓÓÓÓÓÓÓÓÓN. Pois si, todos a temos. 

Ademáis como ghaitista (e panderetista) vén moi ben soplarlle un pouco ou aporrear o coiro. Cada un ao seu. Se é posible tamén ir escoitar un pouco de música en directo...para qué dicir nada máis...


O FRIKISMO. Si, señores, son algo friki do que vén sendo a medicina e case a ciencia en xeral. Sei que non o esperabades, entendo que sexa para vós un mazazo, pero debedes aceptalo. Aínda que sempre recordamos o malo, aínda que estamos cansos de ter que estudiar, aínda que nos pareza o 98% do tempo que estamos a sufrir e que non nos interesa o que estudiamos, incluso que o odiamos… non cambiamos o que somos, o que queremos. Si, son friki e eso axúdame a poder seguir nos momentos baixos. Parece un absurdo, que algo que te está levando nunha espiral de autodestrucción mental sexa parte do que te pode sacar dela. Raros ata para iso.



OS DEBUXOS. Se me coñecedes, ou vistes algún dos meus anteriores posts, veriades uns debuxiños, unhas merdas a lápiz que non teñen puto sentido. Sempre fun o chafalleiro da clase, de todo. E a verdade que non é unha fama mal gañada, senón que me costou o meu durante todas as clases de plástica e todas as actividades extraescolares de debuxo. É o que hai. Pois ben, ese meu nulo don para o debuxo non foi impedimento para que comezase, xa en quinto de carreira a facer debuxiños. Ao primeiro, eran unha reacción lóxica á Hematoloxía do grandísimo Dr. Bello. Eran cousas que ás veces me axudaban a memorizar conceptos, a relacionar cousas, pero iso durou menos de 3 debuxos. Pronto se converteron en simplemente xogos de palabras que pouco poden aportar máis que unha amena distracción. Benvida sexa, aínda que con isto hai que ter coidado tamén. Cando te empezas a facer gracia a ti mesmo debes parar e reflexionar cara onde está indo a túa vida.


AS IMAXES MENTAIS. Todos sabiamos que isto ía pasar. Estivemos todo un ano disfrutando o que podiamos, pero sabendo que isto ía pasar, sabendo sobre todo que o verán pasado era o ÚLTIMO verán. Por tanto, eu fun intentando facer fotografías mentais, imaxes que me evocasen ese sentimento. O momento Lurte da Carballeira, aquel viaxe con aquela piscina de bólas, o momento de dicirlle a Blanco que era o noso Padriño, aquelas risas naquel congreso por aquel proxecto, aquel día que paseei co meu can, o día que bebemos en probetas, aquel día de praia, aquel concerto en Calo, e mil outras máis. Todo iso está gardado, e só o saco cando xa non quero seguir, cando quero poder ser unha persoa normal que vai á praia, que disfruta coa súa familia e cos seus amigos. Pero esas imaxes mentais non son cousa do pasado, durante este verán tamén hai moi bos momentos. Recórdaos.


O LIBRO. Só cando todo iso falla, cando xa non hai nada máis…cando xa non quero seguir e todo se afunde. Cando non é que estea de baixón que senón que comezo a hiperventilar, a dicir: todo á merda e que sexa o que teña que ser…, comezo a subir o pH como si non houbese mañá e estou ao borde da tetania... entón recurro ao que levo recurrindo todos estes anos. É entón cando comezo a ler “El fantasma Cataplasma”. E cando o acabo, todo é moito mellor. Porque cando “El fantasma Cataplasma tenía los ojos azules y tres pelos tiesos que no se los podía peinar.” xa estou noutro mundo, no meu mundo, propio, o que me da perspectiva.


Todos temos os nosos trucos e no meu caso van variando ao longo do tempo. Todos sabemos que chegará un momento no que teremos que deixar as drogas estimulantes e cambiarnos ás tranquilizantes. Chegará un momento no que deixaremos de ter ideas, comezaremos a ter alucinacións, e posiblemente a ter algún tipo de disfunción cognitiva.

Todo iso pode chegar, pero non adiantemos acontecementos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario